Festival Folk do Río Castro
6 de Julio
O Festival do Río Castro vai xa pola súa XXVI edición. Máis de dúas décadas xuntos grazas a que fostes moitos e moitas quen nos apoiastes e fixestes medrar. Neste 2019 volvemos ter un programa cheo de actividades, xogos, espectáculos de tarde e, sobre todo, boa música pola noite.
Seguimos mantendo a filosofía que nos viu nacer: reivindicar a cultura e o respecto polo ambiente por medio dunha xornada de festa que, en certa maneira, tenta recuperar o espírito das romarías campestres de antano, hoxe alagadas na lucería, os escenarios móbiles e os ritmos monocordes de alén do Atlántico.
Este ano, incluirase de novo unha sesión vermú e un obradoiro de baile tradicional que será impartido polo grupo Os feroces da Galgueira, de As Pontes. O programa do afamado festival continuará pola tarde coa tradicional sesión de xogos tradicionais para todo o público, para a continuación desenvolverse o espectáculo “A fiestra dos soños”, a cargo de Trotaventos.
Chegará logo a quenda para o sempre concurrido Campionato de Deporte Rural, dirixido a adultos. Os participantes mediranse arredor de probas como tiro da corda, serrado de tronzado e a chave. Ás 22.30 horas comezará o festival musical, coas actuacións dos grupos Lenda Ártabra, Os Melidaos, Tiruleque e Mekanika Rolling Band.